Wednesday 15 de May de 2024

Benestar colabora con Cruz Vermella no programa de apoio a persoas sen teito no que inviste un total de 150.000 euros


Esta iniciativa lévase a cabo a través dun convenio asinado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro

A Consellería de Traballo e Benestar achegará un total de 150.000 euros para o financiamento dun programa de acompañamento e apoio a persoas sen teito ou en situación de vulnerabilidade extrema. O programa persegue como obxectivo xeral a incorporación social das persoas sen fogar, mediante accións que aborden os distintos ámbitos de intervención, asegurando a coordinación dos servizos sociais e das administracións competentes no territorio, coa finalidade última de mellorar a súa empregabilidade.

O mesmo inclúe un traballo de coordinación levado a cabo polos equipos técnicos radicados nos municipios da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela con accións dirixidas a detectar patoloxías mentais, alcoholismo e outras adiccións sufridas polas persoas destinatarias do programa; informar e derivar aos usuarios cara os servizos pertinentes; proporcionar asesoramento social e legal; e lograr o desenvolvemento de competencias persoais, sociais e laborais que favoreza o proceso de inserción individual.

Este apoio é froito dun convenio asinado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; e a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro.

A inclusión social: unha prioridade
Esta iniciativa inscríbese na decidida aposta do Goberno galego por apoiar ás persoas en risco de exclusión. Por iso, en 2015 o orzamento destinado á inclusión medra nun 17,7%, ata os 70 millóns. En concreto, a RISGA conta este ano con 47,7 millóns de euros, un 20 por cento máis en comparación co orzamento inicial de 2014. De cara a este exercicio, cabe destacar tamén o incremento na orde de contratación de perceptores da RISGA, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano, que aumenta nun 100% ata os 10 millóns de euros.

Este esforzo orzamentario compleméntase con outras actuacións, como a recente aprobación da Estratexia de Inclusión Social de Galicia (EIS) 2014-2020, que conta con 316 actuacións, organizadas ao redor de 8 eixos de transversais e outros tantos de carácter sectorial; a aprobación e incorporación da estratexia dirixida ao colectivo xitano na EIS; ou as axudas, anunciadas en colaboración con La Caixa, para familias con necesidades básicas.